Biblioteca IES Agra de Raíces.

22/1/18

Conto de Nadal, e máis...

Antes do Nadal, facemos as reunións da nosa terceira lectura de cada grupo do curso, así que nos imos ás 12 lecturas antes de rematar o ano, seguindo a marcha que se vai facendo habitual. 

Nesta ocasión, os Arroases de Gures leron A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, banda deseñada premiada na que se critíca a agresividade salvaxe das inmobiliarias da época da burbulla, coa connivencia ou complicidade interesada, en moitas ocasións, dos políticos. Os nosos arroases manifestáronse indignados polas dificultades (que se tornaron en obstáculos insalvables) que tivo a familia Pampín para poder dar á súa herencia (unha mansión media desfeita) unha segunda vida útil e bonita, sostible e lóxica, que finalmente levan a un desenlace algo triste, despois de todo.

Os Arroases de Ézaro gozaron lendo a primeira parte de Lúa de Senegal, coa que volverán despois do período de vacacións; Entón seguirán falando de Khoedi e as súas charlas coa lúa, o único que a une,  dende Vigo co seu pobo de Senegal. Khoedi chegou a Galicia dende África emigrando (migrando, coma din agora) e todo aquí é moi distinto á súa querida aldea, de onde ela bota de menos case todo, moi especialmente á xente que quere, como á súa aboa Mamá Feriane. Libro que fai pensar sobre as razas, as emigracións e as distintas culturas.

Os Arroases de Estorde fixeron un "programa especial", pois reuníronse para ver a versión cinematográfica da súa lectura, a banda deseñada Engurras, que dun xeito tan fermoso e delicado trata os temas do Alzheimer, a vellez, a amizade, o amor da familia... E despois do visionado, celebrouse unha posta e común e un debate na propia biblioteca, para todo o público asistente (o resto do alumnado de 3º de ESO). No debate falouse dos temas e personaxes de Engurras, da súa sensibilidade e sentido do humor, da responsabilidade da xuventude con respecto aos mayores, dos obxectivos e ilusión que a xente de idade pode ter...

As Baleas de Caneliñas leron todo un clásico ambientado nesta época, o Conto de Nadal de Charles Dickens, toda unha catarsis (non moi realista pero excelentemente escrita) dunha persoa triste e amargada que, grazas á visita de diversos fantasmas, reflexiona sobre a súa vida pasada e sobre a vida presente dos seus parentes e amigos (que el desprecia), para chegar a "ver a luz" e volverse, como corresponde a estas festivas datas, unha persoa sensible, cariñosa e xenerosa que (en realidade por egoísmo) comeza a repartir cartos e simpatía polo mundo adiante. En todo o caso, a mensaxe ten moito éxito e trátase dunha historia moi versionada na que se basearon moitas películas interesantes que se atopan entre as preferidas do público en Nadal.

Voltamos en xaneiro!