Biblioteca IES Agra de Raíces.

29/6/17

A POESÍA ENTROU EN LIBROS COMA AREA!

Este curso, por fin, Libros coma area entrou nun contacto máis profundo coa poesía. Así, en todos os grupo lemos algún libro de poesía (aparecen todos no díptico), fixemos lecturas en todos os grupos para celebrar o Día Internacional da Poesía, fixemos collages sobre Penúltimas tendencias de Carlos Negro, fomos ao CEIP Eugenio López a ler, cos alumnos dese centro, un montón de fermosos poemas, reunímonos nun encontro poético con Alexandre Nerium, lemos no IES "Fin do Camiño" poemas de varios autores e autoras da Costa da Morte.


19/5/17

ESTA SEMANA TOD@S SOMOS GALIÑAS AZUIS


Estes días anda o pobo un pouco alborotado. Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita.

É unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas ás autoridades.


Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregara a galiña polas boas. Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que só é para que a vexa o veterinario, o certo é que, segundo dixo o señor Casimiro, o porteiro do Concello, á galiña vana matar.

O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas declaracións que fixo para a televisión e para os periódicos, que non se podía tolerar a existencia dunha galiña azul, porque -según Manolito Listón- unha galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá non é unha galiña como é debido.

Carlos Casares, A GALIÑA AZUL


VÍDEO "LENDO E DEBUXANDO POEMAS" NO EUGENIO LÓPEZ

17/5/17

INTERCAMBIO DE "LIBROS COMA AREA!" E "GHUADELAI"

O 15 de maio, o club de lectura "Libros coma area!" do IES "Agra de Raíces" realizou unha actividade lúdica e cultural en  compañía de "Guhuaidelai", o club de lectura do IES "Fin do Camiño" de Fisterra: a actividade consistiu na visita áo Museo da Pesca de Fisterra, visita ás instalacións do IES "Fin do Camiño", acto de lectura pública de poemas na biblioteca deste instituto, andaina pola contorna e excursión en barquiño pola ría. Éramos 35 "areeiros" do "Agra de Raíces" (acompañados por Ángeles, Lourdes e Manuel) e máis 14 "ghuaidelais" do "Fin do Camiño" (con Cristina e Hortensia).

Alexandre Nerium dounos unha nova lección de sabedoría, humanidade e xenio explicándonos, dende a práctica e a sinxeleza, as artes de pesca, a dura vida dos pescadores e as súas familias e un sinfín de detalles interesantes que espertaron a curiosidade de todos nós. As preguntas máis curiosas que el mesmo nos fixo (e despois nos respostou, menos mal!) foron por que non sae o polbo da nasa e cal é o instrumento máis importante de toda a historia da navegación e a pesca. Xa sabedes onde atopar as respostas. Para finalizar, Alexandre Nerium leunos algúns dos seus poemas máis fermosos e mantivo unha apaixoada charla con algúns alumnos e alumnas interesados na literatura como profesión.

Cristina e Hortensia ensináronnos o seu instituto e acolléronnos na súa preciosa biblioteca, onde membros dos dous clubes fixeron unha lectura de poemas de autores da bisbarra que tiñan ao mar como protagonista. Modesto Fraga, Miro Villar, Rafa Villar, Maria Lado e Roberto Traba foron os e as poetas elixidos. 

Dedicamos as horas centrais do día a facer un precioso roteiro pola praia de Mar de Fóra e pola parte alta de Fisterra, de camiño ao barquiño "María Elena", onde Oliver Moure e os seus compañeiros de tripulación deleitáronnos cun precioso e "movidiño" paseo guiado pola ría. Foi unha xornada proveitosa e rica en experiencias.

AQUÍ PODES VER TODAS AS FOTOS QUE FIXEMOS

26/4/17

LENDO E DEBUXANDO POEMAS NO CEIP EUGENIO LÓPEZ

Para celebrar o Día do Libro, 23 de abril, dezaoito dos nosos Areeiros de 1º de ESO e catro profesores e profesoras desprazámonos ao CEIP "Eugenio López" de Cee para levar a cabo unha actividade conxunta de lectura de poemas e posterior confeción de debuxos alusivos.



A actividade realizouse en colaboración entre o noso club de lectura "Libros coma area!" e o Equipo da Biblioteca  do CEIP "Eugenio López".






Os areeiros do IES "Agra de Raíces" leron, no patio do colexio, para os alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP "Eugenio López" poemas dos libros Balea2 de Estevo Creus e de Amar e outros verbos, escrito por Ana María Fernández e con ilustracións de Xosé Cobas. Por otra banda, alumnos de 4º de primaria alternáronse cos nosos na lectura dos poemas do libro Dez piratas, escrito por Gloria Sánchez e con ilustracións de Montse Gisbert.



Despois de ler, todos os alumnos  e alumnas realizaron debuxos relacionados coas lecturas.

Este encontro coa lectura foi aproveitado polo resto das clases do colexio para saír tamén ao patio e ler, por pequenos grupos e acompañados do resto do profesorado, outros libros e para facer máis debuxos, gozando do soleado e ventoso día.






25/4/17

EN PRIMAVERA SEGUEN AS REUNIÓNS

Os ARROASES DE GURES leron A chamada do salvaxe, dura historia de cans e neves, trasunto quizás doutras vidas. Este libro, o máis coñecido de Jack London, conta a vida de Buck, can mestura de San Bernardo e Collie que, despois de ser roubado da casa do seu dono, o xuíz Miller, e tras ser entregado para pagar unha débeda de xogo, pasa, como can de trineo, por varias mans, case sempre pouco agarimosas, ata recibir a chamada do salvaxe, a do seu pasado na natureza, que o leva a ser, de novo, libre como os lobos.
Os arroases víronse, en xeral, impresionados pola crudeza das imaxes narradas, polo sangue, as lavazadas e as dentadas e, aínda que valoraron a calidade literaria do libro, non o pasaron moi ben, agás excepcións.



Os ARROASES DE ESTORDE remataron A illa do tesouro, a obra mestra de Robert Louis Stevenson. Gozaron e sufriron coas aventuras e desventuras de Jim Hawkins na busca do tesouro e intentando arruinar, coa axuda de Ben Gunn os plans dos piratas de John Silver.





Os ARROASES DE ÉZARO disfrutaron pasando medo coas Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. Non quixeran os nosos arroases verse nunha casa cos habitantes que tiña a casa de indianos que, con tanta ilusión, mercou Adrián Novoa no concello de Doroña. 


As BALEAS DE GURES colléronlle moito cariño ao señor Linh e a súa neta, personificación do cariño do vello oriental pola súa terra, polo seu país, pola súa lingua, por todo aquilo que perdeu. De todo iso, só recuperou o agarimo da amizade que lle regala Bark no seu banco no medio da grande cidade impersonal que non coñece a ninguén.

28/3/17

CELEBRAMOS OS DÍAS DA POESÍA E DO TEATRO



Aquí vedes as nove musas, fillas de Júpiter e protectoras das artes, danzando con Apolo (no centro) na obra de Baldasare Peruzzi.

Estes días honramos a catro delas: a número 3, Calíope, encargada da poesìa épica, a 7, Erato, da poesía amorosa, a 6, Melpómene, da traxedia e a 9, Talía, da comedia, que da nome á compañía de teatro local, Talía Teatro. 







Con este motivo, o club de lectura "Libros coma area!" instalou un pequeno taboleiro con algunhas poesías de Pablo Neruda, pertencentes á recopilación feita por Gerardo Beltrán e Abel Murcia (con fermosas ilustracións de Adolfo Serra) na editorial Edelvives.







12/3/17

REUNIÓNS DO FINAL DO INVERNO

Estes días celebramos reunións con todos os grupos, para comentar as recentes lecturas. Nomeamos aquí tamén as lecturas de febreiro e xaneiro que queraron sen reporte.

Os grupo dos maiores, As Baleas de Caneliñas, leu Erros e Tánatos de Gonzalo Navaza, libro de relatos cheos de sorpresas e humor, mortes e vinganzas, ira e loucura; literatura con maiúsculas.
Reunímonos o 23 de febreiro,


Os Arroases de Estorde, (que pertencen a 2º de ESO) tiñan que ler as tres primeiras partes de A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson: "O vello bucanero", "O cociñeiro de a bordo" e "A miña aventura en terra", pero varios deles e delas non puideron aguantar e remataron o libro. A pesar do vocabulario marítimo e de bastantes palabras descoñecidas para os lectores, as edicións comentadas que manexamos facilitan a comprensión dun libro do que están a gozar os nosos arroases, pola súa emoción e intensidade. A reunión foi o martes 7 de marzo. O 3 de febreiro fixeran a reunión de Nunca seré tu héroe, de María Menéndez-Ponte


Os Arroases de Ézaro, que en xaneiro remataron As lágrimas de Shiva e o comentaron con nós nunha reunión o 25 de xaneiro na que manifestaron estar encantados coa historia de amor, co misterio e coa aventura incluídos no libro, leron agora, e quedaron impresionados, A chamada da selva, de Jack London, onde o can Buck amósanos os seus instintos ancestrais. Algúns dos lectores sufriron coa dureza dos feitos que se narran e co feito de narralos. A reunión foi o 6 de febreiro.


Os arroases de Gures leron despois dos de Ézaro As lágrimas de Shiva, e mantivemos a runión o 10 de marzo. O que máis se comentou e a natureza das Lágrimas de Shiva, pois a priori tiñan diversas teoría sobre que poderían ser (amuletos, por exemplo), e ningúen esperaba que fosen unhas esmeraldas. Tamén o episodio do olor a nardos foi un dos preferidos dos rapaces.


 As nosas próximas lecturas serán A neta do señor Linh, de Philippe Claudel (Caneliñas), o resto da Illa do tesouro (Estorde) Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz (Ézaro) e A chamada da selva (Gures).

30/1/17

Aventuras de Javier para atopar as Lágrimas de Shiva e máis o amor

Os nosos Arroases de Ézaro estiveron lendo Las lágrimas de Shiva de César Mallorquí.



Este libro de aventuras de adolescentes, misterio e amor á literatura nunca defrauda e sempre resulta un éxito entre os nosos lectores do club.

As múltiples referencias á literatura (Sherlock Holmes, Romeo e Xulieta, El guardián entre el centeno, Frankenstein, Crónicas marcianas...), á ciencia (o bacilo de Koch, a chegada á Luna, á

historia do momento no que ocorre a acción, finais dos sesenta, e aos derradeiros anos do século XIX, a música (Elvis Presley, Rolling Stones, The Beatles, a música clásica), á banda deseñada (El hombre enmascarado, Flash Gordon, Mortadelo y Filemón, Las aventuras de Tintín), etc. fan deste libro unha obra moi rica e con moitos elementos que hai que engadir ao argumento estricto da novela, no que se desenvolve un interesante e atractivo episodio de misterio e as relacións amistosas e sentimentais dos protagonistas.


O autor, que no ano en que ocorre a acción (1969) tiña 15 anos, coma Javier, o protagonista, fai ao longo das páxinas deste libro unha pequena homenaxe a seu pai, pois no capítulo 2 dise que os personaxes están escoitando na radio unha radionovela ("Dos hombres buenos") escrita por José Mallorquí ("uno de los mejores escritores de España"). Efectivamente seu pai foi na posguerra española un afamado escritor de novelas do Oeste que tiñan como protagonista a El Coyote, con máis de 200 títulos sobre os que se fixeron bandas deseñadas e mesmo unha radionovela. O pai e un irmán de César Mallorquí (tamén escritor), suicidáronse, por certo.


Prohibido casar, papá!

Os Arroases de Gures leron Prohibido casar papá! de Fina casalderrey. Neste libro, Elia, de 14 anos, ten problemas para "dixerir" a morte da súa nai e a nova relación sentimental do seu pai, Carlos, cunha muller chamada Berta.


Aos nosos arroases gustoulles o principio do libro, pero comentaron que despois se lles fixo algo repetitivo pois trataba dun xeito un pouco tedioso sobre o día a día, sen grandes acontecementos. Tamén comentaron que o xeito de tratar Elia a Berta pareceulles bastante taxante e desagradable, e que o carácter "contundente" e autoritario de Elia se amosa xa dende o título (cun "prohibido"); con todo, din que comprenden as dificultades da rapaza para aceptar unha nova relación sentimental de seu pai despois da morte da nai.

Entre os episodios comentados (e preferidos) están o momento en que ela lle susurraba ao seu pai ao oído (mentres este dormía) que non casase con Berta, as aventuras do irmán pequeno Xián no baño do hospital, o momento en que a ela un mozo mallor lle roubou a Elia os cartos nunha rúa de Vigo (e despois outro rapaz lle ofreceu 5 euros para que poidese volver a casa) e, sobre todo, cando Elia que soía botar unhas gotas do perfume da súa defunta nai para sentir o seu cheiro e recordala.

Grazas a este libro reflexionamos sobre as relacións familiares e sobre a morte vista dende o punto de vista dos adolescentes.

Aquí vese a pequena exposición que fixemos coas obras de Fina Casalderrey que temos na nosa biblioteca.


AS BALEAS DE CANELIÑAS VISITAN A MANSIÓN DOS PAMPÍN

As Baleas de Caneliñas, o grupo "dos maiores" do noso club de lectura "Libros coma area!" estivo estes días lendo A mansión dos Pampín. Miguelanxo Prado, o seu autor, que estudou Arquitectura, publicou esta banda deseñada en 2004 dentro do Proxecto Terra, no que o Colexio de Arquitectos de Galicia e máis a Consellería de Medioambiente e Ordenación do Territorio traballan sobre a arquitectura e a sociedade en Galiza.


Este libro fainos pensar na transformación do rural, na especulación inmobiliaria, no criterio (ou a falta de criterio, ás veces) dos novos ricos e tamén no feísmo, moi particularmente no rural. Outro tema relevante é o da complicada burocracia que moitas veces dificulta as actuacións axeitadas.


Como reflexión persoal, algúns dos nosos lectores indicaron que eses temas lles preocupan, pero que por outra banda para eles a vida no rural faise as veces difícil e aburrida e dificultosa, polos complicados enlaces co "mundo exterior", coas cidades onde eles poden ter acceso á cultua e á diversión.

Erros e tánatos, de Gonzalo Navaza, a próxima lectura.